Patrocinado porPatrocinado por

Adriana Souto, técnica de Conafre: «A vaca asturiana ten moi boa morfoloxía, a galega está na media»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

GANADERÍA

A cualificadora da Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe) di que a tendencia das explotacións da zona é a desaparecer as pequenas, e medrar as grandes

04 may 2024 . Actualizado a las 10:32 h.

Adriana Souto Rozados (Barcia, Lalín) criouse entre vacas e, aínda que estudou Administración, acabou volvendo as súas orixes natais. Dende o seu posto de técnica cualificadora da Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe) percorre o país para avaliar os animais das granxas que están asociadas á confederación.

—Que labores realiza unha técnica cualificadora?

—Somos os que cualificamos as vacas de primeiro parto das explotacións que están en Conafe, e que logo poden recualificarse. Encargámonos de mirar os 23 trazos morfolóxicos do animal, que se estruturan en catro rexións: a estrutura e capacidade, sistema mamario, patas e pés, e a estrutura leiteira. Cada trazo puntúase do 1 ao 9, e en función diso sae a puntuación. O sistema mamario supón un 42 %, a estrutura leiteira un 12 %, patas e pés é un 28 %, e por último, a estrutura e capacidade é un 18 %. De todo iso sairá a cualificación final: excelente (MBB), BB, B, R (regular) e insuficiente.

—Cantas granxas están actualmente no censo de Conafe?

—Temos más de 4.000 (4.445 a 31 de decembro do ano 2023), que están situadas por toda España e das que nos ocupamos un total de once técnicos.

—Cada un ten unha zona específica de actuación?

—Non. De feito sempre se intenta unha rotación para que cada un de nós vaia a explotacións diferentes. Empezamos a rolda de cualificacións en Galicia, para seguir polas granxas asociadas que temos en Asturias, Cantabria, País Vasco, imos a Cataluña, León, Castela A Mancha, Madrid, Valencia e Andalucía.

—Cada xornada está dedicada a unha explotación, ou cal é a dinámica que seguen?

—Avaliamos por número de animais, o que vén sendo uns 70 animais por días nas máis de 4.000 granxas que temos polo país. Un traballo que se intenta facer en todas unha vez ao ano, tendo en conta que o grao de excelencia do animal será a partir do terceiro, ou máis partos.

—Cales son as principais diferenzas, se as hai, entre as nosas vacas; as galegas, e as doutras comunidades?

—Si que existen diferenzas. As explotacións catalás, por exemplo, son empresas con mil ou dúas mil vacas en muxido, e teñen outra forma de traballar, un sistema que non ten nada que ver co noso. Son vacas que se miden dende un punto de vista dunha gran empresa, mentres que as granxas galegas; ao igual que as que temos aquí na zona, son empresas familiares. As nosas extensións de terreo non teñen nada que ver coas de Cataluña, pero dende o punto de vista morfolóxico dos animais si que non hai tantas diferenzas.

—Onde están os mellores exemplares do país morfoloxicamente falando?

—Asturias é onde morfoloxicamente son mellores. Galicia estaría na media de España, digamos que as temos moi boas e outras que teñen que mellorar (ri). No que se refire ao número de cabezas de gando tamén aquí temos de todo. En Mazaricos, por exemplo, temos unha granxa con unhas seiscentas vacas en muxido. É moito, pero non chegamos ao nivel das 2.000 de Cataluña.

—A tendencia en Galicia, ao igual que na zona, é a aumentar en número de animais?

—A tendencia na zona é que desaparezan as que son moi pequenas, habitualmente pola falta de relevo, e que medren aínda máis as grandes. Penso que dentro de 10 ou 15 anos todas as consideradas de pequenas dimensións xa non estarán, unha vez se xubilen os seus titulares, pero o número de vacas vaise manter xa que as granxas grandes van absorber a todas esas pequenas. A cabana, polo tanto, manterase.

«Buscamos que os animais duren máis nas explotacións e teñan as mellores características»

Adriana Souto, que estes días se recupera dunha lesión que lle produciu un animal, nunha das súas roldas de cualificación polo país; «nunca me pasou nada ata a data, pero traballamos con animais, e poden xurdir estes accidentes», comenta a técnica dende o seu repouso obrigatorio que está desexando abandonar, encomia o traballo que se leva a cabo nas explotacións da contorna e de toda Galicia. «A nivel instalacións estase medrando, a xente que aposta por quedarse nunha granxa é que o ten claro. Aquí a xente está moi formada, e cando dá o paso é seguro. En Cantabria e Asturias pasa un pouco o mesmo», asegura. Uns cantos días máis de repouso lle quedan á lalinense Adriana Souto antes de enchouparse de centos de quilómetros polas estradas españolas; «cando estamos fóra traballamos habitualmente vinte días todos seguidos, incluso sábados, domingos e festivos. Logo descansamos unhas cantas xornadas, e volta ás granxas. Moitos quilómetros, turismo pouco», di cun sorriso.

A Confederación de Asociacións de Frisoa Española publica anualmente unha listaxe coas cen mellores granxas de España, «e aí figuran explotacións galegas pero tamén algunhas da zona que sobresaen. Óllase o bo traballo que se está facendo», explica Adriana. Detrás está tamén a laboura dos técnicos de avaliar e recompilar os datos dos animais, ademais de aportar os trazos xenéticos dos touros. «Así á hora de inseminar unha vaca vemos posibles defectos para intentar procurar unha mellor xenética do animal. O que buscamos é que duren máis nas granxas, que teñan as mellores características e producións, aínda que xa se sabe que unha vaca é rendible ao segundo ou terceiro parto. Aí é cando comeza a deixar cartos na explotación», afirma.